GRIMM XACOB E WILHELM

Title:A MORTE VAI DE MADRIÑA
Subject:FICTION Scarica il testo


Xacob e Wilhelm Grimm

A morte vai de madriña


Había unha vez un home moi pobre que tiña doce fillos e tiña que traballar noite e día para darlles algo de pan. Pero cando naceu o décimo terceiro, xa non sabía como os ía alimentar e, desesperado, botouse ó camiño para pedirlle ó primeiro que pasase que lle apadriñase o rapaz. O primeiro con quen atopou foi co bo Deus, que xa sabía dos seus males, e díxolle:
—Dásme pena, bo home; quero apadriña-lo teu meniño e ocuparme del para que sexa feliz aquí na terra.
—¿Quen es ti? –preguntou o home.
—Son o bo Deus.
—Pois a ti non te quero de padriño –díxolle o home–, porque lles dás ós ricos e deixas que os pobres pasen fame
Faloulle así porque descoñecía con qué sabedoría reparte o Noso Señor riqueza e pobreza. E así, apartouse do Noso Señor e continuou o seu camiño.
Un pouco máis adiante, encontrou co demo que tamén lle fixo a mesma pregunta:
—¿Que buscas, home? Se me queres de compadre, o meniño terá ouro en abundancia e non lle han faltar alegría e diversión.
—¿Quen es ti? –preguntou o home.
—Son o demo.
—Daquela non te quero de padriño –dixo o home–, xa que tentas e engána-la xente.
Proseguiu o seu camiño; e achegóuselle, alancando, a fraca morte.
—Lévame a min de madriña do teu meniño.
—¿Quen es ti? –preguntou o home.
—Son a morte, e non fago distincións.
—Ti e-la adecuada, xa que non fas diferencias e levas a ricos igual ca pobres; sera-la miña comadre.
—Farei ó teu fillo rico e famoso –comunicoulle a morte–, pois que a aquel que me ten por amiga non lle ha faltar nada.
—O vindeiro domingo será o bautizo, así que preséntate alí á súa hora.
A morte alí se presentou como prometera, e amadriñou ó meniño.
Cando este foi maior, presentóuselle unha vez a madriña e díxolle que fose con ela. Levouno ó bosque, amosoulle unha herba que alí medraba, e díxolle:
—Agora recibira-lo teu regalo do bautismo. Voute facer un médico famoso. Cando te chamen onda un enfermo, hei estar eu sempre alí. Se me ves ó lado da cabeceira, di sen reparo que o vas sandar, dáslle desta herba e el curará. Mais se, pola contra, ves que espero ós seus pés, quere dicir que é meu, e ti dirás que calquera axuda sería inútil e que ningún médico do mundo o podería salvar. Pero coida ben de non usáre-la herba en contra dos meus desexos ou terás serias dificultades.
E non pasou moito tempo ata que o rapaz se converteu nun famoso médico. "Disque lle chega con ve-lo enfermo, e xa sabe se vai sandar ou morrer" falaban por aí. E de tódalas partes chegaba xente a levalo onda os seus enfermos, e dábanlle tanto ouro que en seguida se fixo rico.
Resultou unha vez que o rei enfermou gravemente. Chamaron o médico para que dictaminase se era posible que sandase. Mais cando se achegou ó leito, viu a morte ós pés do enfermo así que xa non tiña nada que facer. "Se puidese engana-la morte só por unha vez" pensou o médico. "Halle parecer mal, pero como son o seu afillado seguro que o pasa por alto. Voume atrever."
Así, colleu o enfermo e virouno de xeito que a morte quedase á cabeza. Deulle a herba, e o rei sandou. Pero a morte foi onda o médico, cunha expresión na face arrepiante, e sinalouno de xeito ameazante dicindo:
—Acabas de rir de min; por esta vez perdoareiche porque e-lo meu afillado, mais se ousas facelo outra vez, xóga-la vida, rapaz, e levareite comigo.
Ó pouco tempo, enfermou gravemente a filla do rei. Era a súa única descendente, e o rei choraba día e noite, tanto que cegou, e fixo público que, aquel que salvase a súa filla da morte había casar con ela e herdaría a coroa. O médico, cando se achegou ó leito da enferma, viu que a morte estaba ós seus pés. Debería lembrar entón as advertencias da súa madriña, mais a grande fermosura da rapaza e a idea de se-lo seu home obcecárono de tal xeito que esqueceu tódalas ameazas.
Non viu cómo a morte lle lanzou unha ollada de ira e cómo alzou a man para ameazalo co seu puño escuálido. O médico ergueu a enferma e puxo a cabeza onde antes estaban os pés. Despois, deulle a herba, e xa de seguido comezou a subirlle a cor rubia ás meixelas, volvendo así a rapaza á vida. A morte, cando se viu traizoada por segunda vez, alancou cara ó médico e díxolle:
—¡Abonda xa! ¡Agora chegou a túa vez! –e agarrouno coa súa xélida man, tan fortemente que el non puido defenderse, e levouno a unha cova subterránea.
Alí, ordenadas en innumerables liñas, viu miles e miles de candeas ardendo, algunhas grandes, outras medianas, outras pequenas. A cada momento, extinguíanse unhas e acendíanse outras, de xeito que as chamas, con este constante cambio, parecía que brincabam dun lado a outro.
—Mira –dixo a morte–, son as candeas da vida humana. As grandes son de nenos, as medianas de adultos nos seus mellores anos e as pequenas de xente vella. Por suposto, tamén nenos e mozos teñen, ás veces, unha chama pequena.
—Amósame a miña candea –díxolle o médico, pensando que sería ben grande.
A morte sinalou unha chispiña a piques de apagarse e dixo:
—Aí a tes.
—¡Ai, madriña miña! –exclamou o médico, arrepiado–, por favor, acéndame unha candea nova, fágao por min, para que poida vivi-la miña vida, ser rei e casar coa fermosa princesa.
—Non podo. Ten que se apagar unha primiero, para que se acenda outra nova.
—Pois cando a vella se extinga, colóquea sobre unha nova que se acenda agora –suplicoulle o médico.
A morte fixo coma se fose cumpri-los seus desexos, e colleu unha grande candea fresca; pero como quería vinganza, púxoa a propósito noutro sitio, e a candeíña del caeu e apagouse. Inmediatamente, caeu o médico ó chan acabando así nas mans da morte.


...