GRIMM XACOB E WILHELM

Title:O HOME DE FERRO
Subject:FICTION Scarica il testo


Xacob e Wilhelm Grimm

O home de ferro


Unha vez vivía un rei nun pazo situado á beira dun grande bosque no que había toda caste de bestas. Un día, enviou este rei un cazador ó bosque para que cazase un cervo, pero o home non regresou máis. O rei pensou: " Quizais lle pasou algo". Así que, o día seguinte, enviou outros dous cazadores a buscalo. Pero tamén estes desapareceron. Así, o terceiro día, reuniu a tódolos cazadores e díxolles:

—Rastrexade tódolos currunchos do bosque e non volvades ata que encontréde-los tres.

E tampouco regresou nin un destes cazadores á casa, nin volveu ver ninguén os cans que levaban. Dende ese momento, xa ninguén se atreveu a ir a este bosque; e daquela, reinou alí gran calma e soidade, vendo só que pasaban esporadicamente cara ó sitio algunha aguia ou algún azor.

E así foi durante moitos anos, ata que chegou un cazador de fóra que se presentou ante o rei a pedir mantenza e ofreceuse para ir ó perigoso bosque. O rei non quería da-lo seu consentimento, e dixo:

—O bosque non é seguro. Temo que che suceda o mesmo cós outros e que non regreses xamais.

—Señor, atrévome a corre-lo risco, pois que eu non coñezo o medo –retrucou o cazador.

E así penetrou no bosque co seu can, o que axiña deu cunhas pegadas de animal salvaxe e comezou a seguilas. Pero, aínda ben non andara uns metros cando deu cun profundo pantano no que se perdían as pegadas. De pronto, emerxeu da auga un brazo nu, colleuno e levouno ás profundidades. O cazador, que observara todo atentamente, regresou ó pazo e volveu con tres homes, e, entre todos, baleiraron a auga do estanque utilizando caldeiros. Cando albiscaron o chan, viron un home de cor marrón coma a ferruxe, cuns cabelos tan longos que lle caían por diante da face e lle chegaban ós xeonllos. Atárono con cordas e levárono ó pazo, onde se levantou unha grande expectación por aquel home salvaxe. O rei mandou que fose encerrado nunha gaiola de ferro, que se puxo no patio do pazo, e prohibiu, baixo pena de morte, abri-la porta. A chave gardouna a mesma raíña; e así, a xente xa puido volver ó bosque sen medo.

O rei tiña un fillo de oito anos e, cando andaba a xogar coa pelota de ouro no patio, caeulle esta dentro da gaiola. O neno foi correndo ata alí e dixo:

— Devólveme a miña pelota.

—Non, tes que me abrir primeiro a porta –respondeu o home.

—Non, non o farei, o rei prohibiuno –dixo o neno, e marchou.

O día seguinte, volveu o neno á gaiola para reclama-la súa pelota.

—Ábreme a porta –dixo o home, pero o rapaz negouse.

Ó terceiro día, estando o rei de caza, achegouse unha vez máis o neno á gaiola e dixo:

—Aínda que quixese, non podería abri-la porta porque non teño a chave.

—Atoparala debaixo da almofada da túa nai –explicou o home salvaxe.

O rapaz, que quería recuperar como fose a súa pelota, esqueceu tódalas prohibicións, trouxo a chave e, como a porta era difícil de abrir, trillou un dedo. Pero nada máis abrila, o home devolveulle a pelota e fuxiu correndo. O rapaz colleu medo e suplicou:

—¡Ei, home salvaxe! Non fuxas, senón vanme dar unha tunda.

E o home salvaxe deu volta, subiuno ós ombros e levouno con el para o bosque.

Cando o rei regresou da caza, viu que a gaiola estaba baleira e preguntoulle á raíña que sucedera. Ela, que non sabía nada, buscou a chave pero non a atopou. Chamou polo rapaz, pero non houbo resposta. O rei enviou a súa xente para que o buscasen por campos e montes, mais ninguén deu con el. Entón, xa puido imaxina-lo acontecido; e, dende aquel momento, apoderouse unha gran tristura do pazo real.

Entrementres, o home salvaxe chegou de volta á lúgubre fraga, baixou o rapaz ó chan e díxolle:

—Non volverás ver a teus pais; pero, xa que me liberaches, hei ter compaixón de ti. Quero que fiques aquí comigo. Se fas todo o que che diga, non terás problemas. Ouro e alfaias non me faltan: teño máis ca ninguén no mundo. E fixo un leito de carriza para o neno.

O día seguinte, foi con el a unha fonte e díxolle:

—A fonte dourada é relucente e transparente coma o cristal. Será tarefa túa sentar aquí e prestar atención para que non caia nada dentro, senón quedará profanada. Hei vir cada día, ó solpor, para comprobar se cumpríche-las miñas ordes.

O rapaz sentaba na fonte, vía, ás veces, algúns peixes e serpes dourados nadando e atendía ben para que nada caese. Unha vez, de súpeto, empezou a doerlle tanto un dedo que o meteu na auga inconscientemente, e aínda que o quitou rápido, xa era tarde de máis e o dedo era agora de ouro. O rapaz procurou por tódolos medios seca-lo ouro, pero os seus intentos foron inútiles. Coa caída do sol, chegou o home de ferro, mirou para o neno e preguntou:

—¿Que lle sucedeu á fonte?

—¡Nada, nada! –exclamou o neno, agochando o dedo dourado tralo lombo para que non llo vise.

—Metíche-lo dedo na auga –sentenciou o home de ferro–. Por esta vez, perdóoche; pero ¡procura que non volva caer nada dentro!

Á mañá seguinte, xa ó amencer, o neno sentou outra vez na fonte a mirar por ela. O dedo aínda lle doía e levouno á cabeza, con tan mala sorte que caeu un pelo na auga. O rapaz colleuno rapidamente pero xa este se convertera en ouro. Cando chegou o home de ferro, quen xa sabía o que sucedera, díxolle:

—Deixaches que caese un pelo na fonte. Non te castigarei agora, pero como ocorra unha terceira vez, a fonte quedará profanada e xa non poderás permanecer aquí.

Ó terceiro día, sentou o rapaz na fonte e non moveu o dedo, sen lle importar canto lle doese. Pero o tempo facíaselle interminable, e púxose a mira-lo reflexo do seu rostro na auga. E cando máis se dobrou para verse ben os ollos, caeulle o longo cabelo na auga. Ergueuse axiña, pero demasiado tarde: o cabelo era completamente dourado e relucía coma o sol. Xa podedes imaxina-lo medo que lle entrou ó rapaz. Colleu un pano e botouno por riba da cabeza para que o home de ferro non lle vise o pelo. Pero cando este chegou, sabendo xa o que acontecera, ordenoulle saca-lo pano. O cabelo dourado quedou ó vento, e de nada valeron as escusas:

—Non superáche-la proba, e xa non podes ficar aquí. Marcha e camiña polo mundo; así vera-lo que é ser pobre. Pero como non tes mal corazón e eu quero o teu ben, vouche conceder unha cousa: cando precises axuda, corre ó bosque e berra: "¡Home de ferro!". Acudirei inmediatamente. O meu poder é grande, máis do que ti pensas, e teño ouro e prata en abundancia.

Así, o fillo do rei abandonou o bosque e camiñou e camiñou ata chegar a unha gran cidade na que buscou traballo; pero, como non aprendera oficio, non encontrou ningún. Finalmente, foi ó pazo e preguntou alí se podería servir en algo. A xentes do pazo non sabían en que poderían empregalo; pero compracéulle-lo rapaz e permitiron que ficase. Tomouno ó seu servicio o cociñeiro, e ordenoulle que trouxese auga e leña e limpa-la cinza. Unha vez que non había xente dispoñible, mandoulle servi-las viandas na mesa real. Como non quería que se lle vise o cabelo dourado, o rapaz non sacou o gorro. O rei, que nunca tal cousa vira, díxolle:

—Cando veñas á mesa real, has de descubrirte.

—¡ Ai, señor, non pode ser! Teño unha tiña moi grave –retrucou o rapaz.

O rei mandou chama-lo cociñeiro, reprendeuno dicíndolle cómo permitira que entrase semellante rapaz ó seu servicio e ordenoulle que o expulsase. Pero a este deulle mágoa, e cambiouno polo axudante do xardineiro.

Agora, chovese ou tronase, o rapaz tiña que coida-lo xardín, regalo, cavalo e podalas plantas. Un día de verán no que estaba a traballar el só, ía tanta calor que sacou o gorro para que o aire o refrescase. Cando os raios do sol caeron sobre o seu cabelo, desprendeu este unha luz e un brillo tan intensos que penetraron no cuarto da princesa, quen de seguida se ergueu a ver que era aquelo. Cando viu o mozo gritou:

—¡Ti, rapaz, tráeme un ramo de flores!

El vestiu rapidamente o gorro e apañou unhas cantas flores no prado para levarllas á princesa. Nas escaleiras topou co xardineiro, que o censurou:

—¿Como lle podes levar á filla do rei un ramo de flores cativas? ¡Corre lixeiro e trae un ramo coas flores máis bonitas e exóticas!

—¡Non, non! –replicou o rapaz–. As flores silvestres recenden máis e hanlle gustar máis.

En canto entrou na alcoba da ...