GRIMM XACOB E WILHELM

Title:A AFILLADA DA VIRXE
Subject:FICTION Scarica il testo


Xacob e Wilhelm Grimm
Versión galega de Lucía Castaño

A afillada da Virxe


Ó pé dunha grande fraga vivía un leñador coa súa muller e tiñan unha soa filla, unha meniña de tres anos. A súa miseria era tan grande que ata lles faltaba o pan de cada día e non tiñan xa para lle dar de comer á rapaza. Unha mañá, o leñador, angustiado polos seus problemas, foi á fraga partir leña e, estando no seu traballo, aparecéuselle unha fermosísima muller cunha coroa de estrelas relucindo sobre a súa cabeza e díxolle:
-Son a Virxe María, a nai do neno Xesús. Ti es pobre e necesitado. Tráeme a túa meniña e levareina comigo, serei a súa nai e coidareina.
O leñador obedeceu, deulle a nena á Virxe, quen a levou consigo para o ceo. Alí todo era marabilloso para ela; comía biscoito e bebía leite doce; as súas vestimentas eran de ouro e xogaba cos anxos do ceo. Un día, cando xa a rapaza tiña catorce anos, a Virxe chamou por ela e díxolle:
-Miña nena, hei de facer unha longa viaxe. Aquí che deixo, en custodia, as chaves das trece portas do Reino dos Ceos; para abrires doce e entrar te-lo meu permiso, pero prohíboche que ábra-la décimo terceira, á que corresponde esta pequena chave. E máis che vale que obedezas, senón recibira-lo teu merecido.
A rapaza prometeu ser obediente, e, ó marcha-la Virxe, abriu cada día unha porta, ata chegar á número doce, e contemplaba as estancias celestiais. En cada unha delas estaba sentado un apóstolo, rodeado dun enorme resplandor, e ela e mailos anxos que sempre a acompañaban alegrábanse ó ver tanta magnificencia e maxestosidade. Agora aínda lle restaba a porta prohibida e empezou a senti-lo anhelo de saber que era o que se escondía detrás dela.
-Realmente non é que queira abri-la porta de par en par nin moito menos entrar -díxolles ós anxos-, só entreabrila un pouquiño para mirarmos.
-¡ Non, non! -dixeron os anxos-. Iso sería pecado. A Virxe prohibiucho, e se desobedeces ben podería se-la túa perdición.
Entón deixou a rapaza estes falares pero non deixou a ansia de lle aguilloa-lo corazón sen descanso. E así, unha vez na que tódolos anxiños marcharan, pensou para si: "Agora que estou completamente soa podería botar unha ollada; ben seguro que ninguén se ha decatar." Buscou a chave no mangado, meteuna na pechadura e xirou. Subitamente, abriuse a porta de par en par e viu, sentada entre lume e resplandor, a Santísima Trindade.
Durante un momento, ficou alí de pé, observando todo atónita. A continuación, rozou a luz cun dedo e este cubriuse de ouro. Inmediatamente apoderouse dela un terrible medo, pechou a porta e fuxiu correndo. Pero, fixese o que fixese, non lle saía o medo do corpo, e o corazón batíalle con moita forza. Tamén o dedo seguía cuberto de ouro por máis que o lavou e raspou.
Pouco tempo despois regresou a Virxe María da súa viaxe. Chamou pola rapaza e pediulle as chaves celestiais. Unha vez que tivo o mangado na man, mirouna ós ollos e preguntoulle:
-¿Non abríche-la porta prohibida?
* Non -respondeu a rapaza.
Entón, a Virxe púxolle a man sobre o corazón e sentiu como latía fortemente. Decatouse así de que a rapaza desobedecera as súas ordes e abrira a porta, e volveulle preguntar:
- ¿É seguro que non o fixeches?
-Non -dixo ela, por segunda vez.
De pronto, a Virxe puido ve-lo dedo dourado co que tocara o lume celestial e soubo xa con certeza que pecara. Preguntoulle por terceira vez:
-¿Non o fixeches?
-¡ Non! -respondeu ela de novo.
-Non me obedeciches, e aínda me mentes -dixo daquela a Virxe-. Xa non es digna de estar no ceo.
A rapaza sumiuse nun sono profundo, moi profundo, e, ó espertar, estaba na terra, no medio dun terra erma circundada por unha mesta matogueira. Intentou berrar, maiso non puido emitir nin un só son. Ergueuse e quixo fuxir; pero, alí onde se dirixía, atopaba a matogueira imposible de cruzar. No medio deste páramo no que estaba pechada erguíase unha árbore oca que había de se-lo seu fogar. Así, ó cae-la noite, tiña alí dentro o seu leito, e, cando chovía e tronaba, era aquel o seu acubillo. Pero era aquela unha vida miserable; fartábase de chorar cada vez que lle acordaban os anos que pasara no ceo e os anxos que xogaban con ela. Os arandos e mailas raíces que atopaba eran o seu único alimento.
No outono recollía froitos secos e follas caídas para levalos á árbore, e así tiña alimento no inverno; coa chegada das neves e do xeo, acochábase coma un animaliño baixo as follas para non aterecer co frío. Non tardaron moito tempo en podrece-las roupas que levaba e caeren cacho a cacho. Tan logo como lucía de novo o sol, saía, sentaba diante da árbore, cubríndoa o seu longo cabelo coma unha capa por tódalas partes. E así foi un ano tras doutro; e soubo o que era a miseria e a dor do mundo.
Unha vez, cando xa as árbores reverdeceran, estaba o rei de caza no bosque e comezou a perseguir un cervo que se meteu por entre a matogueira que rodeaba á rapaza. Baixou do cabalo, separou as silvas e abriu camiño coa axuda da espada. Cando finalmente logrou cruzar, viu sentada baixo a árbore unha fermosísima rapaza, cuberta ata as dedas polo seu cabelo dourado. Quedou alí de pé, ficándoa abraiado, e preguntoulle:
-¿Quen es? ¿ Que fas aquí sentada, neste páramo?
Pero a rapaza non respondeu, xa que non podía despecha-los beizos.
-¿Queres vir comigo ó meu pazo? -preguntou el, e ela asentiu lixeiramente coa cabeza.
O rei colleuna por un brazo e axudoulle a subir ó cabalo; e, ó chegaren ó pazo, deulle ricas roupas para vestir e todo aquilo que poidades imaxinar. Malia a súa mudez, ela era unha rapaza fermosa e agraciada; xa que logo, o rei namorouse dela e casaron ó pouco tempo.
Ó transcorrer un ano, a raíña trouxo ó mundo un bonito meniño. Pero pola noite, no cuarto onde ela durmía, apareceu a Virxe e díxolle:
-Se dis agora a verdade e recoñeces que abríche-la porta prohibida, eu abrirei os teus beizos e devolvereiche a fala. Ora que se perseveras no teu pecado e segues a mentir, hei leva-lo teu fillo comigo.
Mais a raíña, testuda, contestou unha vez máis:
-Non, eu non abrín a porta prohibida -e a Virxe colleulle o meniño dos brazos e desapareceu.
Á mañá seguinte, cando todos viron que faltaba o meniño, comezou a espallarse o rumor de que a raíña muda comía carne humana e de que matara o seu propio fillo. Ela escoitaba todo e non podía defenderse; pero o rei, tan namorado como estaba, non daba creto a estes falares.
Ó ano seguinte, a raíña tivo outro fillo. Pola noite, a Virxe volveu aparecer e díxolle:
-Se recoñeces que abríche-la porta prohibida, devolvereiche o teu fillo e maila fala. Mais se perseveras na mentira, hei levar este meniño tamén.
E a raíña insistiu:
-Non, en non abrín a porta prohibida -e a Virxe levoulle o meniño para o ceo.
Ó día seguinte, vendo que tamén desaparecera este neno, a xente dixo publicamente que a raíña comía seres humanos; e os conselleiros reais esixiron que fose xulgada. Sen embargo, o namorado rei seguía sen crer estas acusacións; e ordenou ós conselleiros que non falasen máis do asunto, so pena de tortura e morte.
Ó ano seguinte, a raíña deu a luz unha princesiña. Por terceira vez, apareceu a Virxe e díxolle:
-Sígueme -e levouna ó ceo da man e amosoulle os outros dous nenos, que estaban a xogar coa esfera terrestre.
A raíña púxose moi contenta cando os viu, e a Virxe repetiu:
-¿Aínda non se amoleceu o teu corazón? Se confesas que abríche-la porta prohibida, heiche da-los teus fillos -pero a raíña, obstinada, respondeu por terceira vez:
-Non, eu non abrín a porta prohibida.
Daquela, a Virxe mandouna de novo á terra, levándolle a meniña.
Á mañá seguinte, en canto se soubo, berrou a xente:
-¡A raíña come seres humanos! ¡Debe ser castigada! -e o rei xa non puido dete-los seus conselleiros.
Levouse a cabo un xuízo contra ela; e, como era muda, non puido defenderse de semellantes acusacións, polo que foi condenada a morrer na fogueira. Amontoaron a leña, e cando estaba alí de pé, atada a un poste e co lume incipiente arredor, derreteuse o frío xeo do orgullo, amoleceulle o corazón e pensou: "¡Ai, ben me gustaría confesarlle á Virxe antes da miña morte que abrín a porta prohibida!" . Daquela, volveulle a voz e berrou:
-¡Si, María, abrín a porta prohibida!
E, de repente, empezou a caer chuvia dende o ceo que apagou o lume da fogueira. Luciu unha forte luz, e a Virxe descendeu traendo a meniña no colo e os nenos ...