PERRAULT CHARLES

Title:BARBA AZUL
Subject:FICTION Scarica il testo


Charles Perrault
Barba Azul
Versión galega de Agostiño Nieto Pazó

Había unha vez un home que tiña fermosas casas na cidade e mais no campo, vaixela de ouro e prata, mobles gornecidos de brocado e carrozas completamente douradas; mais, por desgracia, ese home tiña a barba azul: iso facíao tan feo e tan terrible, que non había muller nin moza que non fuxira de diante del.
Unha das súas veciñas, dama de calidade, tiña dúas fillas moi feitas. El pediulle unha en matrimonio, e deixouna que escollese a que lle quixese dar. Ningunha das dúas o quería e mandábao unha onda a outra, pois non se resignaban a aceptar un home que tivese a Barba Azul. Pero o que aínda lles desagradaba máis era que el xa casara con varias mulleres, e non se sabía qué fora delas.
O Barba Azul, para coñecérense, levounas coa súa nai e tres ou catro das súas mellores amigas, mais algunha xente nova da veciñanza, a unha das súas casas de campo, onde permaneceron oito días enteiros. Todo eran paseos, partidas de caza e pesca, bailes e festíns, refeccións: non durmían nada, e pasaban toda a noite a facérense bromas uns ós outros; todo ía tan ben que a máis nova deu en pensar que o dono da casa non tiña xa a barba tan azul, e que era un home moi honesto. En canto regresaron á cidade, celebrouse o casorio.
Ó cabo dun mes o Barba Azul díxolle á muller que tiña a obriga de facer unha viaxe fóra da cidade, de seis semanas polo menos, por un asunto de importancia; que lle rogaba que se divertise durante a súa ausencia, que convidase ás súas mellores amigas, que as trouxese ó campo se quería, que comese a fartar.
–Velaquí tendes –díxolle– as chaves dos dous gardamobles grandes, estas son as da vaixela de ouro e prata que non é a decote, estoutras as das miñas caixas fortes, onde gardo o ouro e a prata, as dos cofres onde están as pedras preciosas, e velaquí a chave mestra de tódalas dependencias. Estoutra chaviña é a do cuarto de abaixo: abride o que queirades, andade por onde queirades, pero a ese pequeno gabinete, prohíbovos terminantemente entrar, e prohíbovolo de tal maneira que, se se vos ocorre abrilo, podedes temer o peor da miña cólera.
Ela prometeu cumprir exactamente todo o que acababa de serlle ordenado; e el, despois de apertala entre os brazos, sobe á carroza, e parte para a súa viaxe
As veciñas e as amigas non esperaron pola invitación para achegárense pola casa da recentemente casada, estaban moi impacientes por ver tódalas riquezas da súa casa, e non foran quen de vir mentres estaba o home, por mor da súa Barba Azul que lles daba medo. Velaí as tendes agora a percorrer os cuartos, os gabinetes, os roupeiros, cada un máis fermoso e máis rico có anterior. Subiron despois ós gardamobles, onde non daban admirado a cantidade, a variedade e a beleza das tapicerías, os leitos, os sofás, os escritorios, os veladores, as mesas e os espellos, nos que se podían ver desde os pés ata a cabeza, uns con marcos de cristal, outros de prata e de prata dourada; eran os máis belos e os máis magníficos que se viran xamais. Non paraban de esaxerar e de envexar a boa fortuna da súa amiga, quen, sen embargo, non se divertía nada vendo todas esas riquezas, por culpa da impaciencia que tiña de ir abrir o gabinete do cuarto de abaixo.
Estaba tan comesta pola curiosidade, que, sen considerar a descortesía de abandonar a súa compaña, baixou por unha escaleiriña secreta, e con tanta precipitación que houbo quebrar o pescozo dúas ou tres veces.
Cando chegou á porta do gabinete, detívose un anaco, matinando na prohibición que lle fixera o seu home, e coidando que podería acontecerlle algunha desgracia por ter sido desobediente; mais a tentación era tan forte que non puido resistila: Pegou, pois, na chaviña, e abriu tremendo a porta do gabinete. Ó principio non viu nada, porque as fiestras estaban fechadas; de alí a un pouquiño comezou a ver que o chan estaba todo cuberto de sangue callado, e que nese sangue se reflectían os corpos de varias mulleres mortas e atadas ó longo das paredes (eran tódalas mulleres coas que casara o Barba Azul e que degolara unha tras outra).
Houbo morrer de medo, e a chave do gabinete, que acababa de retirar da fechadura, caeulle da man. Despois de ter recuperado un pouco os folgos, recolleu a chave, volveu fechar a porta e subiu ó seu cuarto para repoñerse algo; pero non o daba feito, de tan abraiada que estaba. Decatouse de que a chave do gabinete estaba luxada de sangue, secouna dúas ou tres veces, mais o sangue non daba desaparecido; por máis que a lavase, e mesmo que a refregase con area e con xabre, sempre quedaba algo de sangue, pois a chave estaba enfeitizada e non había maneira humana de limpala: cando quitaba o sangue dun lado aparecía no outro.
O Barba Azul volveu da súa viaxe esa mesma noite, e dixo que lle chegaran cartas no camiño onde lle comunicaban que o asunto polo que partira acababa de arranxarse ó seu favor. A súa muller fixo todo o que puido para testemuñarlle a súa ledicia polo seu regreso anticipado. O día seguinte pediulle as chaves, e ela deullas, pero tremíalle tanto a man que o outro logo adiviñou todo o que pasara.
–¿A que se debe –díxolle– que a chave do gabinete no estea coas outras?
–É posible –dixo ela– que a deixase arriba encol da mesa.
–Non se vos pase –dixo o Barba Azul– devolverma deica pouco.
Despois de varias demoras, houbo que traer a chave. O Barba Azul, cando a viu , díxolle á muller:
–¿Por que ten sangue esta chave?
–Eu non sei nada –respondeu a pobre muller, máis pálida cá morte.
–Non sabedes nada –retrucou o Barba Azul–. Ben volo sei eu; ¡quixestes entrar no gabinete! Pois ben, señora, habedes entrar, e habedes ir ocupar o voso lugar a carón das damas que vistes.
Arroxouse aos pés do seu home, dando probas dun verdadeiro arrepentimento por non o obedecer. Ata un penedo se apiadaría dela, bela e aflixida como estaba; mais o Barba Azul tiña o corazón máis duro ca un penedo.
–Ides morrer, miña señora –díxolle–, e axiña.
–Xa que vou morrer –respondeulle, ollándoo cos ollos engradados de bágoas–, dádeme un pouquiño de tempo para facer as miñas oracións.
–Douvos medio cuarto de hora –respondeu o Barba Azul–, pero nin un segundo máis.
Cando quedou soa, chamou á súa irmá e díxolle:
–Irmá Ana –que así se chamaba–, sube, suplícocho, ó alto da torre, a ver se veñen dunha vez os meus irmáns; prometéronme que me virían ver hoxe, e se os ves, failles sinais para que se dean présa.
A irmá Ana subiu ó alto da torre, e a pobre aflixida berráballe de cando en vez:
–Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén?
E a irmá Ana respondíalle:

–Non vexo máis que o sol poeirar e a herba verdear.
Mentres tanto o Barba Azul, brandindo un gran coitelo na man, berraba con tódalas súas forzas á súa muller:
–Baixa axiña, ou subirei eu.
–Un momentiño, por favor –respondíalle a muller; e coa mesma exclamaba baixiño:
–Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén?
E a irmá Ana respondíalle:
–Non vexo máis que o sol poeirar e a herba verdear.
–Baixa logo dunha vez –berraba o Barba Azul–, ou subirei eu.
–Xa vou –respondía a muller, e despois exclamaba:
–Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén?
–Vexo –respondeu a irmá Ana– unha gran poeira que vén de cara aquí.
–¿Son os meus irmáns?
–Infelizmente non, irmá, é un rabaño de carneiros.
–¿Non queres baixar ou ...? –berraba o Barba Azul.
–Un momentiño –respondeu a súa muller; e despois berraba:
–Ana, irmanciña Ana, ¿non ves vir ninguén?"
–Vexo –respondeu– dous cabaleiros que veñen de cara aquí, mais aínda están ben lonxe... ¡Loado sexa Deus! –exclamou de alí a pouco–, son os meus irmáns; fágolles tantos sinais como podo para que se dean présa.
O Barba Azul púxose a berrar tan forte que toda a casa tremeu. A pobre muller baixou, e foise botar ós seus pés toda desconsolada e toda espeluxada.
–Non che vale de nada –dixo o Barba Azul–, vas morrer.
Despois colléndoa cunha man polos cabelos, e levantando o coitelo no aire coa outra, ía rebandarlle o garneato. A pobre virou cara el, e véndoo con ollos moribundos, pregoulle que lle dese un momentiño para recompoñerse.
–Non, non –dixo–, encoméndate ben a Deus.
E erguendo o brazo...
Nese intre petaron tan forte na porta que o Barba Azul parou en seco: abriron, axiña viron entrar dous cabaleiros que, coa espada na man, se dirixiron dereitiño cara ó Barba Azul. El recoñeceu que eran os irmáns da súa muller, un deles dragón e o outro mosqueteiro, de xeito que se escapuliu presto ...

  • Libri.it

  • Libri.it